Escaravello vermello

O escaravello vermello (Rhynchophorus ferrugineus) é unha especie de coleóptero curculionoideo bicudo, da familia Curculionidae, orixinario da Asia tropical. É un gurgullo de gran tamaño, entre dous e cinco centímetros. A súa cor avermellada ferruxinosa faino inconfundíbel. A larva fura galerías de máis dun metro de lonxitude no estipe (o tipo do talo das palmeiras), podendo matar a planta hospedeira. As súas plantas hospedantes son fundamentalmente da familia das palmeiras, como o Cocos nucifera (o coqueiro), Elaeis guineensis (palma de Guinea) e o xénero Phoenix, entre elas Phoenix canariensis (palmeira canaria) e Phoenix dactylifera (a datileira), aínda que se teñen constatado ataques noutras especies incluíndo a palmeira anana Chamaerops humilis. As plantas, cando se ven afectadas pola peste, sofren amarelamento e murchamento, podendo chegar a se producir a morte do pé afectado. O control desta praga é complicado e polo de agora, a falla de método seguro, se procede á eliminación dos pés afectados e os que se sospeitan puideira estalo, para evitar a propagación do insecto. O escaravello vermello tense espallado a numerosos países, de África, Europa e América, alleos á súa área de distribución natural (sueste asiático) por mor do transporte antrópico. Atinxiu o Mediterráneo en 1980. Á Península Ibérica chegou en 1995 a través de palmeiras infectadas procedentes de Exipto ou outros países do norte de África. O primeiro caso no sur de Galicia viuse nunha palmeira de Gondomar.


Developed by StudentB